Friday 17 de May de 2024

A Xunta destaca que a implantación telemática de demandas no marco do proxecto Lexnet está plenamente consolidada na nosa comunidade



Os xulgados galegos realizaron máis de 4,2 millóns de notificacións telemáticas a través do sistema Lexnet

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín destacou que a implantación de sistemas de comunicación telemáticas de demandas posta en marcha no marco do proxecto Lexnet, está plenamente consolidada na nosa comunidade.

Juan José Martin que estivo acompañado na rolda de prensa polo secretario coordinador provincial de Pontevedra do Ministerio de Xustiza, Eduardo Sánchez Tato, explicou que grazas a este sistemas, tanto avogados coma procuradores ou graduados sociais presentan as demandas de maneira telemática e poden tamén incorporar documentación a un procedemento en marcha, de maneira progresiva e adaptándose segundo vaia avanzando o proxecto.

Esta nova funcionalidade xa está en marcha e hai que recordar que Galicia foi pioneira ao habilitar a presentación telemática de demandas nos casos de afectados por preferentes, que se concentraron nos xulgados específicos creados en Vigo e A Coruña para tramitar estes procedementos.

Segundo os datos presentados polo director xeral de Xustiza, xa con data 31 de decembro de 2015 presentáranse 36.563 demandas e 479.081 escritos. Ademais, ao longo de 2015 os xulgados galegos realizaron máis de 4,2 millóns de notificacións telemáticas a través do sistema Lexnet
E a partir do 1 de xaneiro de 2016, ademais dos procuradores, avogados e graduados sociais, débense incorporar outros colectivos como os avogados do Estado, os letrados da Xunta de Galicia, os servizos xurídicos das administracións locais, das universidades, e todas aquelas administracións que teñan servizos xurídicos propios. Así, desde o 1 de xaneiro xa foron presentadas 2.245 demandas e 24.845 escritos, e á súa vez, os xulgados fixeron 100.075 notificacións.

LeXnet
O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha. Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

LeXnet é unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, utilizando a sinatura dixital. O sistema LeXnet implantouse en Galicia en 2009 e a día de hoxe é un instrumento de traballo tan habitual no ámbito das comunicacións xudiciais, como o teléfono, o fax ou o correo electrónico.